REFORMAS DA “CASA DO MÉDICO” DE O HÍO E CENTRO DE SAÚDE O HIO-ALDÁN
Ante a falta de información e resposta ás preguntas presentadas por escrito polo BNG de Cangas no mes de maio sobre as obras de rehabilitación da antiga “casa do Médico” de O Hío para trasladar o consultorio médico da parroquia a esas instalacións, presentamos de novo por escrito dada a importancia que ten para os veciños e veciñas.
Na comparecencia na comisión 5ª do Parlamento de Galicia, o Sr. Torres Arrojo, Director de Recursos Económicos do SERGAS, rexeitou a viabilidade técnica deste proxecto polo que o grupo parlamentar do BNG voltou preguntar novamente para súa resposta na vindeira reunión da comisión dado o comezo das obras sen que a Consellería de Sanidade dera o visto bo.
O BNG de Cangas tivo coma única resposta unhas declaracións nunha sesión plenaria de que se ía a facer si, ou si, que os cartos viñan da Deputación e outras frases máis desafortunadas do sr. Alcalde contra @s concelleir@s electos membr@s da corporación que preguntaban por este tema, unha maneira de proceder totalmente antidemocrática e inaceptable. A proposta do alcalde de Cangas e do PP que publicitan os medios non responde ás demandas veciñais nin ás necesidades en materia de infraestruturas sanitarias do noso concello.
O Centro de Saúde de O Hío-Aldán é prioritario e necesario para unha atención sanitaria digna e de calidade e así o demandan os veciños e veciñas mentres o PP rexeita escoitar á cidadanía, pola contra inicia unhas obras, presuntamente con fondos públicos da Deputación Provincial para outro microconsultorio que foi rexeitado ata pola propia Consellería de Sanidade dilapidando uns cartos que poderían utilizarse para iniciar as prometidas obras do Centro de Saúde.
Os terreos cedidos polo concello de Cangas á Consellería de Sanidade están “a monte” sen uso e sen limpar co risco incluso para a seguridade e non nos consta que o goberno local solicitara da Consellería ao mantemento dos terreos como é a súa obriga xa que ten a cesión da propiedade.
Por todo isto, o BNG de Cangas presenta para súa resposta escrita as seguintes
PREGUNTAS
1) Que cantidade de diñeiro se vai investir na obra de rehabilitación da vella Casa do Médico do Hío e de que administración ou administracións e departamentos proceden os fondos para financiar a obra?
2) Deu a Consellería de Sanidade viabilidade técnica a este microconsultorio por escrito? Porqué non se traslada a todos os grupos da corporación copia dese escrito se existe?
3) Solicitou o goberno local á Consellería o mantemento e limpeza do terreo cedido polo concello de Cangas para a construción do Centro de Saúde O Hío-Aldán? Cal foi a resposta da Consellería?
4) Cando se dará comezo ás obras do Centro de Saúde O Hío-Aldán? Solicitou o goberno local que esta infraestrutura sanitaria fora incluida nos vindeiros orzamentos da Xunta de Galicia 2015?
Cangas, 30 de agosto de 2014
Asdo. Mercedes Giráldez Santos
Grupo Municipal do BNG de Cangas
Ningún comentario:
Publicar un comentario