xoves, 29 de novembro de 2012

Proposta de Ordenanza de venda ambulante a debate no Pleno de novembro


ILMO. CONCELLO DE CANGAS
           
ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DA VENDA AMBULANTE NO TERMO MUNICIPAL DE CANGAS

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS.
A actividade comercial configurase como un sector de importancia fundamental na economía deste Concello. Dentro da actividade comercial a venda ambulante é unha modalidade que conta con gran tradición dentro do Concello e que pola súa importancia requiriron da súa regulamentación a nivel municipal. Así o 29 de abril de 2009 o Pleno do Concello de Cangas aprobou con carácter definitivo o regulamento que regula a venda ambulante no noso termo municipal, se ben a entrada en vigor do Real Decreto 199/2010, do 26 de febreiro, polo que se regula o exercicio da venda ambulante ou non sedentaria e da Lei 13/2010, de 17 de decembro, do Comercio Interior de Galicia, determinaron que no momento da súa publicación no BOP de Pontevedra de data 25 de outubro de 2011, determinados aspectos do seu contido non resultasen aplicables por non estar adaptados á nova normativa.
Esta normativa no relativo ao exercicio da venda ambulante ou non sedentaria considerou necesario manter o réxime de autorización administrativa previa no eido da venda ambulante malia que en aplicación da Directiva 2006/123/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, se impón aos Estados a obrigatoriedade de eliminar todas as trabas xurídicas e barreiras administrativas inxustificadas na liberdade de establecemento e prestación de servizos que se contemplan nos artigos 49 a 56 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFE), respectivamente, polo que con carácter xeral as actividades de servizos de distribución comercial non deberían estar sometidas a autorización administrativa previa.
Só pola motivación exposta cómpre abordar a presente modificación do Regulamento, se ben aproveitase esta para incorporar determinados cambios regulamentarios que pretenden mellorar a xestión e funcionamento do mercado ambulante no noso termo municipal.
No tocante ao réxime de competencias, a regulación da venda ambulante venlle atribuída aos concellos xa na Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local (artigo 25.2.g), na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia (artigo 80.2.g), no Regulamento de servizos das corporacións locais do 17 de xuño de 1955 e tamén na normativa sectorial tanto de ámbito autonómico como estatal (Lei 13/2010, do 17 decembro, do comercio interior de Galicia, Lei 7/1996 de ordenación do comercio minorista e Real decreto 199/2010, do 26 de febreiro, polo que se regula o exercicio da venda ambulante ou non sedentaria).
Mención especial merece a venda directa exercida por parte de agricultores e agricultoras da produción propia sen transformación ou a súa primeira transformación, cuxo produto final estea incluído no anexo I do artigo 38 do Tratado de funcionamento da Unión Europea pois, se ben estes vendedores non poden considerarse comerciantes -e polo tanto exercer a venda ambulante- para os efectos da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia (artigo 2.1º), si poden vender os seus produtos en mercados municipais ou en lugares que non sexan establecementos comerciais permanentes, tendo esta venda a consideración de actividade agraria, ao abeiro do establecido no artigo 2.1 da Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias.
CAPÍTULO I.–DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1.–Obxecto e ámbito.
A presente ordenanza ten por obxecto regular, con carácter xeral, o exercicio da venda ambulante dentro do termo municipal de Cangas.
Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta ordenanza a regulación dos postos autorizados na vía pública de carácter fixo e estable nos que se desenvolvan actividades comerciais de xeito habitual e permanente en virtude dunha concesión administrativa, que se rexerán pola súa normativa propia.
Artigo 2.–Concepto de venda ambulante.
2.1.–Considérase venda ambulante ou non sedentaria a realizada por comerciantes fóra dun establecemento comercial permanente, de xeito habitual, ocasional, periódico ou continuado, nos perímetros ou lugares debidamente autorizados, en instalacións comerciais desmontables ou transportables, incluíndo os camións ou vehículos tenda, carriños e outras instalacións de carácter itinerante.
2.2.–Non terán a consideración de venda ambulante as vendas efectuadas dentro dos locais ou recintos ocupados por un certame feiral, que se rexerán pola súa regulación propia.
2.3.–A venda directa exercida por parte de agricultores e agricultoras da produción propia sen transformación ou a súa primeira transformación, cuxo produto final estea incluído no anexo I do artigo 38 do Tratado de funcionamento da Unión Europea terá a consideración de actividade agraria e rexerase pola súa propia normativa.
Artigo 3.–Modalidades de venda ambulante.
A venda ambulante tan só se poderá levar a cabo baixo algunha das seguintes modalidades:
3.1.–Venda ambulante en mercados periódicos: é aquela autorizada nos mercados situados en poboacións, en lugares e espazos determinados, e cunha periodicidade habitual establecida.
3.2.–Venda ambulante en mercados fixos: aquela autorizada en lugares anexos aos mercados municipais ou de abastos, con instalacións permanentes nas poboacións.
3.3.–Venda ambulante en postos desmontables instalados na vía pública: aquela autorizada para un número de postos, situacións e períodos determinados.
3.4.–Venda ambulante en mercados ocasionais: aquela autorizada en mercados esporádicos, que teñan lugar con motivo de feiras, festas ou acontecementos populares. Terán esta consideración as actividades de venda ambulante nas festas populares e romarías realizadas no termo municipal.
3.5.-Venda ambulante mediante camións ou vehículos tenda: aquela realizada nos citados medios e autorizadas nas zonas ou lugares determinados.
CAPÍTULO II.- LOCALIZACIÓN E PERIODICIDADE.
Artigo 4.–Emprazamento
1.–A venda ambulante só queda autorizada nos lugares e datas que se determinen por acordo da Xunta de Goberno Local, estando suxeita á preceptiva licenza municipal.
2.–A zona destinada á actividade de venda ambulante, será o espazo que o interese municipal determine en cada momento.
3.—O mercado ambulante municipal emprázase no entorno da Praza de Abastos e Avda. Eugenio Sequeiros sen prexuízo do disposto no seguinte apartado.
4.—O Concello poderá modificar o emprazamento do mercado por causa de forza maior, de interese xeral ou municipal, mediante resolución da Alcaldía ou, de ser o caso, acordo da Xunta de Goberno. En todo caso, o recinto deberá reunir as condicións de limpeza, hixiénicas e sanitarias axeitadas á actividade e de doado acceso para vendedores e compradores.
Artigo 5.–Periodicidade e horario.
Os días de mercado serán todos os martes e venres do ano, que non poderán coincidir coas festividades.
Autorizaranse unicamente dous mercados extraordinarios ao longo do ano, un en martes e outro en venres, a celebrar nunha data proposta polos vendedores/as ambulantes e aprobada pola Mesa Local de Comercio. O Concello poderá repercutir nos solicitantes dos mercados extraordinarios os gastos que lle ocasione a celebración daqueles, como limpeza e outros similares.
O horario establecido comprende dende ás 08:00 ás 14:30 horas, no que se procederá a súa retirada. A montaxe dos postos deberá efectuarse entre 08:00 e as 09:30 horas, quedando prohibida a entrada de calquera vehículo no recinto do mercado a partires desta hora, salvo días de temporal ou outros motivos de forza maior.
O espazo ocupado polo mercado ambulante deberá estar libre e limpo ás 15.00 h para que os servizos municipais de limpeza poidan realizar a súa tarefa.
O Concello, por causa de interese xeral e previo cumprimento dos requisitos establecidos na lexislación vixente, poderá modificar as prescricións deste Regulamento dispoñendo o traslado dos postos de venda a outro ou outros lugares, a redución do número de postos de venda, e incluso a súa total supresión, sen que elo dea lugar a indemnización ningunha.
A alteración dos lugares de venda ou do día da celebración do mercado, polas causas anteriormente citadas, adoptarase mediante acordo previo e motivado da Xunta de Goberno local.
CAPÍTULO III. POSTOS E INSTALACIÓNS DO MERCADO.
Artigo 6.– Dos postos.
1.- A venda autorizarase en postos de carácter desmontable ou instalacións que terán unhas condicións axeitadas ás características da licenza.
2.- O número e localización dos postos aprobarase mediante resolución de alcaldía que determinará, en función das circunstancias concorrentes en cada momento, o aumento ou supresión dos postos existentes ou a súa modificación.
3.- O posto instalarase sobre o pintado na vía pública, co número correspondente, de xeito que se manteña libre o eixe da rúa existente entre postos. Os titulares dos postos ocuparán exclusivamente ao espazo que teñen destinado.
4.- A mercadoría atoparase sempre dentro da superficie do posto, quedando terminantemente prohibido o almacenamento da mesma en envases ou embalaxes fóra do posto. En todo caso, o vendedor extremará a limpeza na zona de venda.
5.- En ningún caso se permitirá a colocación de postos nas beirarrúas, que estorben o paso a locais comerciais, industriais e profesionais, en accesos a edificios públicos ou privados, ni en lugares que dificulten a circulación peonil ou de vehículos.
6.- Queda expresamente prohibida a exposición de mercadorías no chan, excepto mobles, maquinaria agrícola, plantas ou calquera outro elemento que pola súa natureza poida ser autorizada pola Alcaldía ou Concellería Delegada.
7.- Os/as comerciantes terán exposta na parte frontal superior do posto e perfectamente visible a licenza aos/as axentes municipais polo que se presumirá que tal licenza non existe de non presentar a mesma no momento de ser esixida polos axentes municipais.
8.- Os postos no chan terán un voo máximo de 3 metros ao longo da ocupación, que poderán ser ocupados por mercadorías. Para protexerse das inclemencias meteorolóxicas, poderá ampliarse o voo sen que moleste ós demais comerciantes, que non poderán ser ocupados con xénero ningún. A altura dos voadizos será dun mínimo de 1,90. As novas autorizacións que se outorguen faranse para un máximo de 10 metros lineais.
Artigo 7.—Instalacións.
1.—Todo mercado terá unha dotación de infraestrutura e equipamento que garanta o cumprimento das normas sobre sanidade, hixiene e respecto ao medio urbano e veciñal onde se instala e que, polo menos,cumprirá as seguintes esixencias:
a) O mercado deberá instalarse sobre superficie axeitada.
b) O Concello terá previsto un sistema de recollida de refugallos ocasionados pola actividade comercial.
CAPÍTULO IV.- DOS PRODUCTOS OFRECIDOS Á VENDA.
Artigo 8 .- Produtos autorizados
1.- Só poderán expoñerse e venderse produtos autorizados, tales como artigos téxtiles, de pel, calzado, artesanía, cestería, ornato de pequeno volume, material de Nadal, cosmética, perfumería, bixutería, libros, aparatos de radio, Cd, DVD, plantas, sementes, ferramenta e maquinaria agrícola, xoguetes, árbores e outros análogos.
2.- Os agricultores poderán vender directamente os produtos do campo tales como verduras, legumes e froitas sen xustificar a alta no Imposto de Actividades Económicas, nin afiliación a Seguridade Social, previa manifestación de que tales produtos son sobrantes de consumo familiar propio procedente de excedentes de produción, que será comprobado (non permitíndose a venda de produtos fóra de temporada). A administración municipal esixirá a alta no imposto de actividades económicas e afiliación a Seguridade Social cando os produtos do campo non proveñan dunha explotación agrícola destinada ao consumo familiar, por considerarse o vendedor como un intermediario.
Artigo 9.- Produtos de venda expresamente prohibida.
1.- Queda expresamente prohibida a venda ambulante no mercado de animais de compañía, carnes, aves e cazas frescas, refrixeradas ou conxeladas, pescados e mariscos frescos, refrixerados e conxelados, leite certificada e leite pasteurizada, pastas alimenticias frescas e recheas, anchoas, afumados e outras semiconservas, así como aqueles outros produtos que supoñan risco sanitario polas súas especiais características a xuízo das autoridades competentes.
2.- Non poderá concederse autorización para a venda de produtos cuxa normativa reguladora así o prohiba, podendo ademais, as autoridades sanitarias prohibir a venda de determinados produtos cando motivos de saúde pública así o aconsellen. Non obstante, permitirase a venda dos produtos anteriormente citados cando a xuízo das autoridades sanitarias competentes se dispoña das axeitadas instalacións frigoríficas e os produtos estean debidamente envasados.
Artigo 10 .- Condicións de venda dos produtos.
1.- Os postos que expendan artigos de peso ou medida, deberán dispoñer de cantos instrumentos sexan necesarios para pesar ou medir os produtos, debendo estar correctamente etiquetados e marcados co prezo correspondente. Os artigos de uso alimentario deberán situarse a unha distancia do chan non inferior a 60 cm.
2.- Os artigos á venda deberán cumprir o establecido en materia de sanidade e hixiene especialmente cando se trate de produtos perecedoiros .
3.- Os alimentos cumprirán a normativa sanitaria esixida para cada un deles, sendo indispensable que se presenten, etiquetados, protexidos, con rexistro sanitario e refrixerados aqueles produtos cuxa normativa así o esixa. Todos os alimentos deberán  estar protexidos da contaminación polo po, insectos e outras fontes de sucidade evitando a súa manipulación polo público, o contacto directo co solo e a incidencia directa do sol e a choiva. Os produtos a granel e sen envoltura deberán expoñerse para a venda protexidos mediante recipientes ou vitrinas que reúnan as condicións hixiénicas esixibles e, na súa manipulación, utilizaranse utensilios adecuados.
4.- A autoridade municipal poderá comisar os produtos que non cumprisen tales condicións e, baixo a consideración de falta moi grave, abrir o oportuno expediente sancionador ao responsable da venda. Nos supostos en que sexa previsible o comiso dos produtos, poderase proceder á intervención preventiva dos mesmos.
CAPITULO V.-  REQUISITOS PARA O EXERCICIO DA ACTIVIDADE DE VENDA AMBULANTE.
Artigo 11.-  Dos vendedores ambulantes.
A venda ambulante pode ser exercida por toda persoa física ou xurídica, sexa sociedade mercantil ou cooperativa, que reúna os requisitos establecidos na presente ordenanza e demais normativa aplicable.
Os vendedores ambulantes deberán cumprir, no exercicio da súa actividade mercantil, coa normativa vixente no exercicio do comercio e da disciplina do mercado, deberán observar as normas de competencia leal e usos mercantís e responderán de que os produtos obxecto da venda cumpran as condicións e requisitos esixidos pola normativa que os regula, tanto en materia sanitaria como no referente á súa presentación, etiquetaxe e demais aspectos aos que nela se faga referencia.
Artigo 12.-  Exercicio da venda.
1.- Para o exercicio da venda ambulante no mercado municipal de Cangas será indispensable dispoñer da autorización municipal para a instalación e utilización dos postos, coa finalidade que se lles asigne e cos límites e contidos que se fixen na devandita autorización e neste regulamento.
2.- O exercicio da venda ambulante na vía pública sen a preceptiva autorización municipal dará lugar, despois das comprobacións que procedan, á retirada do posto e ao depósito dos produtos en dependencias municipais, podendo retirarse logo do aboamento dos correspondentes gastos de traslado e custodia.
3.- A actividade deberá exercerse persoalmente polo seu titular se ben a autorización habilitará tamén, ademais de a seu titular ao cónxuxe deste, os descendentes directos maiores de 16 anos e ás persoas vinculadas a el mediante contrato laboral.
CAPÍTULO VI. RÉXIME DAS AUTORIZACIÓNS
ARTIGO 13.—Autorización.
1.- Para o exercicio da venda ambulante será requisito previo estar provisto da correspondente autorización municipal, que poderá ser revogada polo Concello por incumprimento dos requisitos esixidos na ordenanza reguladora e nas normativas aplicables ao respecto.
2.- A autorización expedida polo Concello conterá o nome do titular e o seu enderezo, a indicación do número de posto e licenza autorizado, situación no mercado e os artigos ou produtos autorizados.
3.- Esta autorización deberá exhibirse obrigatoriamente e durante o tempo que dure o mercado nun lugar ben visible do posto, estando a disposición do persoal do Concello ou autoridade que a poida solicitar.

ARTIGO 14.—Número de autorizacións
Concederanse tantas autorizacións como postos haxa na superficie destinada ao exercicio da venda ambulante, e o número de autorizacións quedará supeditado ao número de metros dispoñibles en tales espazos.
ARTIGO 15.—Requisitos e procedemento para a concesión da autorización
1.—As autorizacións para o exercicio da venda ambulante serán outorgadas pola Xunta de Goberno Local ás persoas ou empresas que reúnan, como mínimo, os seguintes requisitos:
a) Posuír a condición de comerciante segundo a lexislación mercantil.
b) Estar dado de alta no Imposto de Actividades Económicas no epígrafe correspondente á venda ambulante e atoparse ao corrente no pagamento das cotas correspondentes.
c) Estar dado de alta na Seguridade Social e ao corrente no pagamento das cotas correspondentes.
d) Estar ao corrente no pagamento dos tributos de carácter municipal estipulados ou que se estipulen para o exercicio deste tipo de actividade nas ordenanzas fiscais correspondentes.
e) No caso de que o titular, persoa física, proceda de países non comunitarios, deberá estar en posesión dos correspondentes permisos de residencia e de traballo; ou procedendo de países comunitarios, da tarxeta de residencia.
f) No caso das cooperativas, poderán solicitar tantos postos como cooperativistas queiran exercer a actividade sempre que estes reúnan os requisitos do presente regulamento individualmente.
g) Dispoñer dun seguro de responsabilidade civil que cubra os danos que se poidan ocasionar polos elementos do posto e os derivados da actividade desenvolvida no posto.
h) As persoas xurídicas deberán acreditar os seguintes extremos: CIF, acta de constitución, estatutos e escritura de poder outorgada á persoa que asina a solicitude da autorización en representación da empresa.
2.—As solicitudes presentaranse no modelo normalizado aprobado polo Concello, no que constarán os seguintes datos:
a) Nome, apelidos, enderezo para os efectos de notificación (cando non coincida co habitual), número do documento nacional de identidade e letra de identificación fiscal (N.I.F.), ou do pasaporte en vigor, no seu caso. Os mesmos datos faranse constar cando a solicitude sexa formulada por representante autorizado.
b) Nome, apelidos, DNI e parentesco da persoa que, no seu caso, actuaría como suplente nos casos permitidos no presente Regulamento.
c) Emprazamento no que se pretende exercer a actividade.
d) Mercadorías ou artigos que serán obxecto da venda.
e) Dimensións do espazo de ocupación que pretende, indicando tamén, se a venda se realizará en posto desmontable ou dende vehículo ou furgón.
f) No caso de que a autorización sexa solicitada por persoa xurídica, esta, ademais de acreditar os estremos aos que se refire o apartado h) anterior, fará constar na solicitude a persoa física que vai exercitar a actividade, sinalando os datos establecidos no apartado a).
g) Declaración responsable na que figurará como mínimo o seguinte:
Estar dado de alta no epígrafe correspondente do imposto de actividades económicas e estar ao corrente no pagamento da tarifa, ou no caso de estar exentos, estar dado de alta no censo de persoas con obrigas tributarias.
Estar ao corrente no pagamento das cotizacións á Seguridade Social.
As persoas solicitantes procedentes de terceiros países deberán acreditar o cumprimento das obrigas establecidas na lexislación vixente en materia de autorizacións de residencia e traballo.
Reunir as condicións esixidas pola normativa reguladora do produto ou produtos obxecto da venda ambulante ou non sedentaria.
3.—Despois de recibir as solicitudes e unha vez avaliadas, a Alcaldía adxudicará os postos tendo en conta os seguintes criterios:
a) Adxudicarase un posto por persoa tanto física como xurídica. No caso das cooperativas poderase adxudicar un posto por cada cooperativista individual que dende o outorgamento será titular da autorización podendo neste caso o Concello esixir as responsabilidades a que houber lugar tanto á Cooperativa solicitante como ao cooperativista individual titular da autorización.
b) Cando as solicitudes superen o número de postos realizarase atendendo ás circunstancias seguintes:
b.1) Diversificación dos produtos obxecto de venda (de tal xeito que se optará por solicitudes relativas a produtos cunha oferta diversa á existente fronte a solicitudes relativas a venda de produtos que a xuízo do concello estean suficientemente cubertos).
b.2) Mellor racionalización dos espazos a ocupar.
b.3) Orde de antigüidade das solicitudes de outorgamento a tal fin levarase conta da posible lista de agarda.

Trala adxudicación dos postos a Alcaldía requirirá ás/aos interesadas/os para que no prazo de quince días presenten a seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI e da tarxeta do NIF. No caso de que o solicitante sexa estranxeiro deberá acompañar fotocopia do pasaporte e do permiso de residencia e de traballo, ou da tarxeta de residencia, en vigor, segundo sexa non comunitario ou comunitario.
b) Alta no epígrafe do Imposto de Actividades Económicas e certificado de atoparse ao corrente no pagamento da correspondente cota ou cotas, ou de selo caso no censo de obrigados.
c) Xustificante do pagamento da taxa municipal relativa ao período correspondente.
d) Copia da póliza e xustificante do pagamento do seguro de responsabilidade civil contratado para responder dos posibles danos derivados do exercicio da actividade.
e) Se a autorización afecta á venda de produtos alimenticios deberase acompañar fotocopia do carné de manipulador de alimentos en vigor.
f) Certificado acreditativo do correcto funcionamento da maquinaria e instalacións que pretenda utilizar, así como do seguro de responsabilidade civil que garante a cobertura de calquera clase de risco.
g) Dúas fotografías do solicitante tamaño carné.
h) No caso de persoas xurídicas que exerzan a actividade mediante persoal con contrato laboral presentaranse os TC2 nos que deberán figurar as persoas que vaian exercer a actividade.
i) No caso de cooperativas deberán comunicar a relación das/os cooperativistas que exercerán a actividade, con indicación do posto outorgado, que deberán reunir os requisitos legalmente establecidos para o exercicio da venda ambulante. O Concello neste caso outorgará a licenza a persoa designada que dende ese momento será titular individual da autorización sen prexuízo de que os usuarios ou o Concello poidan esixir responsabilidades de calquera tipo ao  cooperativista titular a título individual ou á Cooperativa solicitante.

A presentación da tarxeta en vigor de vendedor ambulante expedida polo Rexistro Galego de comercio, eximirá da presentación da seguinte documentación:
— DNI ou pasaporte, se o interesado é persoa física; CIF, acta de constitución, estatutos e escritura de poder outorgada en favor da persoa que asina a solicitude de autorización en representación da empresa, se é persoa xurídica.
— Xustificante de estar de alta na Seguridade Social.
— Xustificante de estar de alta no imposto de actividade económicas.

De non presentarse toda a documentación sinalada no prazo indicado, requirirase ao7a  interesado/a para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, teráselle por desistido da súa petición, previa resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, de 26 de novembro de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común

Unha vez presentada a documentación a Alcaldía ditará resolución adxudicando os postos a cada solicitante, e dará traslado aos servizos económicos para efectuar as liquidacións das taxas da ocupación da vía pública do período de tempo correspondente, así como a realización do correspondente padrón fiscal.

A taxa liquidarase de acordo co disposto na ordenanza fiscal que a regule.

ARTIGO 16.—Vixencia e transmisibilidade das autorizacións
1.—As autorizacións terán unha vixencia dun ano natural, prorrogable de forma expresa por períodos de igual duración, O prazo para a presentación da documentación correspondente para a renovación dende o 1 de decembro ata o 30 de decembro de cada ano.

As autorizacións poderán ser revogadas unilateralmente polo Concello en calquera momento por razóns de interese público, sen xerar dereito a indemnización ningunha, cando resulten incompatibles coas condicións xerais aprobadas con posterioridade, produzan danos no dominio público, impidan a súa utilización para actividades de maior interese público ou menoscaben o uso xeral.
2.—As autorizacións serán transferibles a outras persoas sempre que reúnan os requisitos establecidos no presente Regulamento para a súa concesión, sen que por razón da transmisión caiba a percepción de ningún tipo de emolumento. As transmisións estarán suxeitas ao pagamento da taxa fixada na correspondente ordenanza fiscal.
A fin de evitar a especulación na transmisión dos postos poderá autorizarse o cambio de titularidade da licenza en caso de falecemento ou xubilación do titular ou renuncia expresa deste á licenza concedida a prol do cónxuxe, fillos, irmáns ou pais, e o Concello mediante acordo da Xunta de Goberno Local estimará o outorgamento polo tempo que reste da licenza entre os solicitantes, e sempre que cumpran todas as condicións esixidas neste regulamento para ser titular, procedendo ao cambio do nome do titular na licenza municipal sempre e cando o novo titular cumpra os requisitos establecidos.
Para a realización deste trámite establecerase a orde de preferencia segundo as normas civís, e no caso de existir varios herdeiros será necesario achegar acordo previo asinado por eles sobre a titularidade da autorización.
En ningún caso se poderá transmitir a autorización a alguén que xa conte con outro posto no mercado.
3.—Non se poderán realizar transmisión de postos que teñan débedas por non pagar a taxa correspondente.
4.—No caso de transmisión de postos adxudicados a cooperativas, a solicitude de transmisión deberá ser presentada polo cooperativista ao que se lle outorgara o posto.
5.-Dado que os postos son indivisibles está prohibida a transmisión parcial de postos.
ARTIGO 17.- Substitucións
1- O titular da autorización poderá ser substituído por outra persoa por algún dos motivos e polo tempo seguinte, previa xustificación documental e autorización municipal:
a) un mes en caso de matrimonio.
b) En caso de nacemento dun fillo, enfermidade grave, falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade, desprazamentos polos motivos anteriores. En todos os casos anteriores atenderase aos prazos e datas que fixe a lexislación social vixente en cada momento.
c ) Para realizar funcións sindicais ou de representación os prazos serán os que fixe a lexislación vixente.
d) Maternidade ou paternidade ( conciliación vida familiar e laboral).
e) Exercicio de cargo público representativo.
f) Privación da liberdade mentres non exista sentencia condenatorio.
g) Viaxes relacionados directamente coa actividade obxecto de licenza.
h) O tempo indispensábel para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal.
i) Para permitir o goce de vacacións polo titular por un período máximo de un mes ao ano natural.
j) Por un período de ata tres meses para permitir viaxes aos seus países de orixe dos inmigrantes estranxeiros como medida de conciliación da vida laboral e familiar dos mesmos. Neste suposto deberán acreditar documentalmente a viaxe realizada.
2- O/a substituto/a deberá reunir os seguintes requisitos:
a) Cumprir con todos os requisitos que se esixen polo presente regulamento e pola normativa xeral para o exercicio da venda ambulante.
b) Non ser titular no mercado dun posto de venda ambulante.
c) A substitución será unicamente para o mesmo posto e para o exercicio da mesma actividade.
ARTIGO 18.—Renuncia voluntaria
Entenderase que a persoa titular renuncia voluntariamente á súa autorización de venda ambulante cando se dea polo menos un dos seguintes supostos:
a) Non atender ao pagamento da taxa por ocupación de vía pública nos prazos establecidos legalmente.
b) Non solicitar a prórroga anual da autorización nin achegar a documentación necesaria para a súa tramitación de acordo co establecido no artigo 15 deste Regulamento.
c) A non ocupación do posto asignado durante un período de oito días de mercado seguidos ou doce alternos (neste estes últimos nun período de seis meses) sen causa que o xustifique.
Neste caso o Concello, previa audiencia do interesado, disporá do posto e realizará unha nova adxudicación.
Aquelas persoas físicas ou xurídicas que perderan a súa autorización por falta de pagamento das correspondentes taxas non poderán ser obxecto dunha nova adxudicación no prazo de dous anos, non cabendo tampouco no mesmo tempo que adquiran a titularidade dun posto no mercado por transmisión nin por calquera outro título.
Artigo 19.—Extinción das autorizacións
As autorizacións extinguiranse pola expiración do seu prazo, polas causas de revogación sinaladas no artigo 13 ou polos supostos de renuncia voluntaria indicados no artigo anterior a este. Tamén cabe a súa extinción en aplicación do réxime sancionatorio pola comisión dunha infracción que leve aparellada tal consecuencia.
Artigo 20.–Rexistro de vendedores ambulantes.
O Concello de Cangas poderá levar, aos meros efectos estatísticos, un censo no que se numerarán correlativamente as autorizacións concedidas.
A inscrición neste censo non ten carácter habilitante para o exercicio da actividade comercial e os seus datos actualizaranse de oficio.
CAPITULO VII.- DISPOSICIÓN RELATIVAS AO REXIME INTERNO DO FUNCIONAMENTO DO MERCADO
Artigo 21.—Da actuación municipal.
O  Concello exercerá a intervención administrativa, as funcións de autoridade, policía e inspección en todos aqueles postos situados no mercado, sen prexuízo do labor inspector doutras administracións competentes nas materias relacionadas co mercado.
Artigo 22.—Inspección municipal.
Os servizos municipais correspondentes velarán polo mantemento da orde pública e o cumprimento polos usuarios destas normas e das que se diten no sucesivo na materia, sendo competencia municipal a inspección e sanción en materia de venda ambulante, sen prexuízo das competencias atribuídas a outras administracións en aplicación da normativa vixente.
Artigo 23.- Representante municipal no mercado.
O Concello designará a un empregado municipal para desenvolver a función de representar ao Concello sendo a referencia de vendedores e clientes no Mercado, debendo ser permanentemente respectado por todos os, que acatarán as directrices e ordes que dite.
Este empregado público velará polo bo funcionamento do mercado e polo cumprimento das disposicións contidas na presente ordenanza, ben intervindo directamente ben dando conta mediante os correspondentes partes de incidencias aos órganos competentes municipais das incidencias que se presenten para o bo funcionamento, orde e limpeza daquel.
Artigo 24.- Retirada, intervención de instalacións, elementos e xéneros
No caso de retirada, intervención de instalacións, elementos e xéneros, procederase ao deposito destes no lugar que se determine.
Transcorridas 48 horas dende a súa intervención sen comparecer o titular para facerse cargo dos elementos depositados entenderase que desiste no seu interese e titularidade, podéndose proceder a súa destrución ou darlle outro destino que se considere axeitado, sen posibilidade de reclamación ou indemnización ningunha.
Previamente á retirada das mercadorías haberá de aboarse aos correspondentes gastos de depósitoque se fixará na correspondente ordenanza fiscal.
CAPÍTULO VIII.- RÉXIME SANCIONADOR.
Artigo 25.—Infraccións e sancións.
Constitúen infraccións as condutas tipificadas como tales neste artigo:
1.—O incumprimento das normas establecidas na presente ordenanza, así como as determinadas na normativa de aplicación, dará lugar á incoación do correspondente procedemento sancionador, que poderá iniciarse de oficio ou por denuncia. As faltas clasificaranse como leves, graves ou moi graves.
2.—Serán faltas leves:
a) Producir ruídos, berros ou música infrinxindo a normativa vixente.
b) A falta de ornato ou limpeza das instalacións e na zona do posto.
c) Aumentar a superficie do posto sen autorización municipal.
d) Non deixar limpo e recollido á hora sinalada o lugar no que estivo instalado ou permitir que o lixo procedente da súa actividade durante o tempo que permanece instalado se disperse (polo vento ou outros motivos) fóra do seu espazo.
e) Colocación de mercadorías fóra do espazo asignado.
f) O incumprimento de calquera obriga contida no presente regulamento que non teña aparellada unha sanción específica.
3.—Serán faltas graves:
a) A venda de produtos distintos aos autorizados na licenza.
b) A desobediencia áss normas de orde e indicacións do Concello.
c) A venda de produtos en condicións deficientes ou deteriorados.
d) A instalación do posto en lugar non autorizado.
e) A falta da envoltura regulamentaria dos artigos alimenticios á venda.
f) A falta de aseo, limpeza e hixiene en vendedores, postos e ferramentas.
g) Non acreditar mediante factura a procedencia das mercadorías de ser requiridos para elo.
h) a reiteración por tres veces de faltas leves no período de un ano.
i) A negativa ou resistencia a subministrar datos ou facilitar a información requirida polas autoridades competentes ou polos seus axentes para o cumprimento das funcións de información ,tramitación e execución que lle corresponden, así como o subministro de información inexacta ou documentación falsa.
4.—Serán faltas moi graves:
a) A reiteración por tres veces de faltas graves no período de un ano.
b) Non estar dado de alta no Imposto de actividades económicas estando obrigado a elo ou non estar ao día no pagamento das obrigas tributarias respecto da actividade que se exerza.
c) Non estar dado de alta no réxime correspondente da Seguridade Social.
d) A venda de produtos en mal estado que poidan causar dano á saúde.
e) O exercicio da actividade por persoa diferente da autorizada ou do seu suplente.
5.—Aquelas infraccións da presente ordenanza que constitúan infraccións tipificadas en normas de rango superior serán sancionadas de acordo cos devanditos textos legais e normas que os desenvolvan.
6.—Sen prexuízo da correspondente sanción será causa suficiente para a revogación da licenza, a comisión, entre outras, das seguintes faltas:
*Venta de produtos non autorizados.
*Discusións ou altercados con perturbación da orde pública.
*Transmisibilidade da licenza contravindo o réxime previsto no presente regulamento.
*Os supostos previstos no artigo 18 do presente regulamento como de renuncia voluntaria.
Artigo 26.—Sancións.
As sancións que se aplicarán, serán, sen prexuízo do disposto no apartado 5º do artigo anterior, as que seguen:
1.—Por faltas leves, multas de 50 a 100 euros.
2.—Por faltas graves, multas de 101 a 200 euros.
3.—Por faltas moi graves:
*Multas de 201 a 400 euros.
*Revogación da licenza, mesmo coa posibilidade de chegar a comisar a mercadoría nos casos de venda de produtos non autorizados e nos casos legalmente establecidos.
4.—Correspóndelle á Alcaldía a imposición de multas e demais sancións.
5.- As autorizacións poderanse suspender previa audiencia ao interesado no suposto de non pago dunha sanción firme polo tempo que medie ata o cobro efectivo da mesma, sen prexuízo da tramitación do cobro daquela en vía executiva.
Artigo 27.—Medidas preventivas.
A iniciación de actuacións que poidan dar lugar á incoación de calquera procedemento  sancionador por falta grave ou moi grave poderá levar aparellado, como medida preventiva, a retención das mercadorías polos  vixiantes encargados da venda ambulante, axentes da Policía local ou autoridade competente, cando se realizase a venda ambulante sen autorización, existisen sinais evidentes de fraude na súa venda ou se poña en perigo a saúde ou integridade física dos consumidores ou compradores, de xeito independente ao inicio do expediente sancionador.
Artigo 28.—Procedemento.
Para a determinación das infraccións e a imposición das sancións previstas nesta ordenanza, será de aplicación o procedemento administrativo sancionador regulado polo Real Decreto 1398/93, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora con carácter xeral; a lei 30/92, de 26 de novembro, reguladora do réxime xurídico das administracións públicas de procedemento administrativo  común e demais normas concordantes. Asemade estarase ao disposto no RD 1945/1983 polo que se regulan infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor en relación coa Disposición Final 1° da lei 12/1984.
CAPÍTULO IX. DEREITOS E DEBERES DOS COMERCIANTES AMBULANTES.
Artigo 29.- Dereitos dos/das vendedores
1.—Terán dereito a exercer a súa actividade no lugar debidamente autorizado e establecido na licenza municipal.
2.—A exercer pública e pacificamente , no horario e coas condicións establecidas, a actividade de venda ambulante.
3.—No caso de supresión do posto por motivos de necesidade de espazo ou desprazamento do mercado, o titular terá dereito preferente no novo emprazamento durante o ano seguinte á supresión.
4.—Presentar cantas reclamacións e suxestións consideren oportunas na defensa dos seus dereitos e intereses.
5.—A ser substituídos na titularidade do posto previa autorización do Concello e cumprindo cos requisitos deste regulamento.
6.—Dereito a promover e constituír asociacións que os representen.
Artigo 30.—Obrigas dos vendedores
As persoas comerciantes ambulantes, ademais de cumprir cos requisitos establecidos no artigo 15.1 deste Regulamento, deberán cumprir coas seguintes obrigas:
a) Exercer a actividade ou vender exclusivamente os produtos ou xéneros para os que foron autorizados.
b) Efectuar o pagamento da taxa de acordo coa ordenanza vixente en cada momento. Unha vez confeccionado o padrón fiscal liquidarase de acordo ao establecido na súa ordenanza reguladora.
c) Responder da legalidade, calidade e seguridade dos produtos que vendan, sendo responsable dos riscos para a saúde dos consumidores e usuarios, así como observar as normas sanitarias que establezan as disposicións vixentes as referentes ás pesas, medidas e as de disciplina de mercado ou comercialización, dispoñendo dunha báscula ou metro regulamentario naqueles postos que expidan artigos nos que sexa necesario o peso ou medida.
d) Manter as instalacións, postos e demais elementos de venda nas debidas condicións de seguridade, hixiene, conservación e limpeza debendo recoller ao remate da xornada comercial todos os desperdicios e embalaxes debidamente atados e depositalos nos contedores para facilitar a ulterior tarefa de recollida de lixo, evitando en todo momento que se dispersen. Igualmente deberán reparar os danos ocasionados na vía pública e instalacións como consecuencia do desenvolvemento da actividade para a que dispoñen de autorización.
e)Ter expostos os datos de identificación e enderezo de modo que resulten facilmente visibles para o público para o que manterá colocada nun lugar visible do posto a tarxeta identificativa  e exhibir, cando así lle sexa indicado polo persoal do Concello encargado da feira ou pola Policía Local, a autorización municipal de venda ambulante e o documento acreditativo do pagamento das taxas vixentes, xunto co documento nacional de identidade, permiso de residencia ou pasaporte, dependendo da situación persoal.
f) Ocupar o posto asignado polo Concello, sen exceder do espazo concedido, sen poder situarse nos accesos a locais comerciais ou impedindo a vista dos seus escaparates e exposicións.
g) Manter aberto ao público o posto, debidamente atendido e abastecido.
h) Acatar as instrucións que imparta o Concello para o bo funcionamento do mercado.
i) Queda prohibida a utilización de megafonía para anunciar a venda de produtos.
l) Aqueles establecementos obrigados a elo deberán estar provistos das correspondentes follas de reclamacións e deberán expedir tíckets ou facturas das vendas feitas.
O incumprimento destas obrigas dará lugar, no seu caso, á incoación do correspondente expediente sancionador sen prexuízo de que se proceda aodesmontado do posto, a retirada temporal das mercadorías e ao seu depósito a custa do infractor.
DISPOSICIÓN TRANSITORIA
As autorizacións en vigor no momento da entrada en vigor do presente Regulamento manterán a súa validez ata o final do período outorgado, sen prexuízo de que chegado o momento da súa prorroga se realice de acordo co réxime establecido nesta ordenanza.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA
Queda derrogada a Ordenanza de regulación da venda ambulante do Concello de Cangas, aprobada polo Pleno da Corporación en sesión de 29 de abril de 2009 e publicada no BOP nº 205 o 25 de outubro de 2011, así como os actos ou disposicións de igual ou inferior rango que entren en contradición co presente regulamento.
DISPOSICIÓN FINAL
A presente ordenanza entrará en vigor unha vez publicado integramente o seu texto no Boletín Oficial da Provincia e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.
Cangas, 16 de outubro de 2012.

A Concelleira de Emprego, Industria, Comercio, Consumo e Turismo
Berta Pérez Hernández

1 comentario: