Nova Subestación eléctrica Cangas II. O NEGOCIO ELÉCTRICO.
Cangas II, así se denomina na presentación de hoxe a nova subestación eléctrica. O BNG de Cangas estivo presente na inauguración porque era unha vella demanda veciñal e todos os grupos da corporación municipal e todos os gobernos anteriores traballaron pola súa consecución.
Os fondos europeos financiaron esta inversión que venden coma súa tanto a empresa coma a administración local e a Xunta, co retraso dun ano, pero xa está teoricamente rematado ( no ano 2011 o alcalde e a consellería de Industria dixeron que estaría rematado para finais do 2013). Escoitando ao sr. Feijoo hoxe non podíamos menos que sorrir ante as súas palabras cheas de loanzas ao sector eléctrico galego e a empresa Gas Natural Fenosa esquecendo aos galegos e galegas que cos nosos impostos pagamos esta infraestrutura, porque os fondos saen dos nosos petos.
Alegrámonos, como non pode ser doutro xeito, de que a vella subestación de San Pedro xa sexa historia e agardamos que a nova subestación cumpra para un mellor servizo aos veciños e veciñas de Cangas e non sufrir picos de tensión e cortes de luz continuamente coma esta mesma noite onde veciños de O Hío, Viñó, Donón, Aldán, estiveron sen suministro desde ás 21 ata as 03 a poucas horas da inauguración das novas instalacións.
O sr. Feijoo falou de millóns en investimentos para a mellora da calidade da suministración eléctrica, falou da necesidade de apostar polas enerxías renovables, e tamén repetiu a falsedade de que a culpa do déficit tarifario era precisamente deste sector eléctrico cando non é certo porque aínda que as renovables reciben primas, son por kilovatio producido, ao contrario que moitas centrais de gas, por exempro, que reciben primas só por estar dispoñibles, e non falou de que o goberno do PP dedicouse a torpedear sistemáticamente ás renovables eliminando primas.
Falou moito pero esqueceu deliberadamente que o Real Decreto-Lei de medidas urxentes para garantir a estabilidade financeira do sistema eléctrico con moitos millóns de euros foi aprobado exclusivamente polo PP, que en xuño publicouse no BOE a “Orde de parámetros de retribución a renovables” último paso da aplicación da reforma eléctrica iniciada coa Lei 24/2013 de Reforma do Sector Eléctrico con duras consecuencias para Galiza. Unha Lei no medio dunha dura polémica cos produtores de enerxias renovables e as empresas de coxeración eléctrica.
O Presidente presumiu de que Galicia é "excedentaria" en producción eléctrica entre un 30 e un 40 % e, sen embargo, non explicou que a tarifa eléctrica galega é máis cara para os usuarios que noutras comunidades autónomas que como non producen electricidade non teñen impostos que graven esa actividade. Dende a liberalización de 2003 ata 2013 o prezo da electricidade subiu un 80%, un auténtico despropósito, esta tendencia non se freou malia a crise e, ao mesmo tempo, se acumulou un déficit tarifario que representa 27.500 millóns de euros que están sendo soportados por débeda pública, se require unha auditoría a fondo sobre esta fraude e unha explicación clara aos usuarios: A reforma eléctrica está centrada no denominado “déficit de tarifa” (a diferencia entre o que pagamos os consumidores pola electricidade e o prezo que lles prometeu o goberno ás grandes compañías eléctricas que é moito maior) Non é que estemos pagando ás compañías menos do que lles custa producir e distribuir, incluido o beneficio industrial, senon que lles pagamos menos do que o goberno central prometeu.
Falou tamén da súa “ aposta” pola biomasa en clara contradición coa eliminación das primas á coxeración que supón un duro varapau para a industria forestal. O anuncio de que o seu goberno continuará co desenrolo do concurso eólico pero cunha disminución de aereoxeradores é unha farsa xa que os novos parques que se autoricen pasarán polo Ministerio de Industria e non dependerán das comunidades autónomas, dos 150 parques eólicos galegos, 80 continuarán con primas e 70 (anteriores ao 2004) quedan sen primas estando ameazados de quebra financeira e amáis despois daquela decisión de Feijoo de anular o chamado Concurso Eólico e redactar unha nova lexislación sectorial que levou á paralización do sector desde que o PP entrou na Xunta e que o TSXG fallou que o concurso do bipartito era legal en contra do dito por Feijoo falando incluso de “desviación de poder”
O BNG segue apostando por un modelo público, como na maior parte dos países de Europa que substiua ao modelo privado exposto aos intereses do oligopolio eléctrico. A concepción privatizadora do suministro de enerxía eléctrica así como a súa produción e distribución provocan a situación actual onde os galegos e galegas pagamos un 77% máis no recibo da luz que fai 5 anos, a enerxía que se produce na Galiza é dos galegos e galegas e debería estar ao servizo do pobo galego para favorecer toda a actividade económica. As empresas propietarias das instalacións galegas teñen sede en Madrid cun impacto tributario adverso para Galiza.
Insistimos, benvida á nova subestación, necesaria e demandada, pero os veciños e veciñas de Cangas e os galegos e galegas merecemos un goberno que defenda os nosos intereses e os nosos petos e non ás grandes produtoras e distribuidoras, unha tarifa eléctrica galega e un novo modelo público.
Cangas, 17/09/2014
M. Mercedes Giráldez Santos
Grupo Municipal do BNG de Cangas
Ningún comentario:
Publicar un comentario