xoves, 2 de outubro de 2014

"Acta non verba"

Xa temos resposta ás preguntas formuladas polo BNG de Cangas en relación ás obras de rehabilitación para o traslado do consultorio de O Hío para a chamada "casa do Médico" que en realidade é a "Casa da Unión", feita e financiada pola Sociedade A Unión, para vivenda e consulta do seu médico; logo espoliada polo franquismo e polos franquistas, como os fondos que se seguiron enviando desde a emigración para O Hío e que foron desviados por Antonio e Manuel Graña para a constitución dunha Fundación particular en Aldán, de carácter confesional, e que daría no actual Colexio privado das monxas.

1) Que cantidade de diñeiro se vai investir na obra de rehabilitación da vella "Casa do Médico" do Hío e de que administración ou administracións e departamentos proceden os fondos para financiar a obra?
Resposta: "Investimento 101345,65€, Concello de Cangas"

Segundo o alcalde é o Concello de Cangas quen pon os fondos preguntabamos de qué administración e departamento proceden os fondos e na prensa falaban da Deputación, o concello non ten partida orzamentaria para este investimento.

2) Deu a Consellería de Sanidade viabilidade técnica a este microconsultorio por escrito? Porqué non se traslada a todos os grupos da corporación copia dese escrito?

Resposta: "Non coñezo ningún proxecto para microconsultorio, a non ser que vostede se refira ao actual de escasamente 50m2." "Si se refire a rehabilitación da Casa do Médico de O Hío, por escrito non. Polo tanto non se pode remitir a ningún grupo político informe algún."

O sr. Sotelo pretende burlarse dun asunto tan serio, o actual consultorio é un microconsultorio que non reune as condicións mínimas necesarias para unha atención sanitaria de calidade e a rehabilitación pretendida para seu traslado tamén é un microconsultorio algo que ata a Consellería rechazou en innumerables ocasións. Na comparecencia na comisión 5ª do Parlamento de Galicia, o Sr. Torres Arrojo, Director de Recursos Económicos do SERGAS, rexeitou a viabilidade técnica deste proxecto fai meses.
Os veciños e veciñas de O Hío merecen unha atención sanitaria digna e que cumpra as garantías de calidade asistencial que se precisan para esta poboación e tal e como sempre defendeu o BNG e tamén o Sergas, é necesario para garantir esta calidade un novo centro de saúde e non microconsultorios.

3) Solicitou o goberno local á Consellería o mantemento e limpeza do terreo cedido polo concello de Cangas para a construción do Centro de Saúde O Hío-Aldán? Cal foi a resposta da Consellería?
Resposta: " Lémbrolle que hai unha moción aprobada no seu día, e foi remitida á Consellería"

Outra burla do sr. Sotelo: Esa resposta podería ser parte da pregunta formulada, efectivamente fai anos que se aprobou unha moción para que a Consellería procedera á limpeza e mantemento do terreo cedido para a construcción do Centro de Saúde e ningunha resposta nin da Consellería nin do Concello. Foi o Bng quen en varias ocasións denunciou o lamentable estado de abandono deste terreo, o sr. Sotelo é quen ten a responsabilidade de gobernar e quen ten que exixir á Consellería a limpeza e mantemento xa que a finca está a monte chea de maleza e procede, ben á limpeza por parte do concello pasando os gastos correspondentes á Consellería, ben exixir que esta actue, lei de prevención de incendios.

"Acta non verba" sr Sotelo, para que me entenda: accións non palabras

4) Cando se dará comezo ás obras do Centro de Saúde O Hío-Aldán? Solicitou o goberno local que esta infraestrutura sanitaria fora incluida nos vindeiros orzamentos da Xunta de Galicia 2015?

Resposta: "Nos próximos días, cando estean solventados os problemas detectados no proxecto. En todo caso, esperamos quede rematado a máis tardar en Febreiro. Para a rehabilitación da Casa do Médico de O Hío non, pois existe financiamento".

Outra máis. O Sr. Sotelo xa non se para en ler correctamente as preguntas xa que esta era concretamente sobre a construcción do Centro de Saúde O Hío-Aldán. e non o microconsultorio como semella que interpreta o alcalde, ou deliberadamente non contesta á pregunta simulando un erro de compresión para non ter que decir por escrito que nada sabe, que as obras do Centro de Saúde non van comezar e que non solicitaron unha partida presupuestaria específica para este necesario e imprescindible centro de Saúde.

O Centro de Saúde de O Hío-Aldán é prioritario e necesario para unha atención sanitaria digna e de calidade e así o demandan os veciños e veciñas que acuden cada mes con esta reclamación ao pleno da corporación mentres o PP rexeita escoitalos, pola contra inicia unhas obras, presuntamente con fondos públicos da Deputación Provincial para outro microconsultorio dilapidando uns cartos que poderían utilizarse para iniciar as prometidas obras do Centro de Saúde.
Co novo concerto asinado con Povisa do que dependen obrigatoriamente os veciños e veciñas de Cangas e a afirmación destes días que non se manteñen as listas de espera no caso de solicitar cambio de hospital a un hospital público, cos recortes asistenciais en medios e persoal o PP pretende xogar coa saúde e privatizar a sanidade, primeiro promete a construción nas municipais do 2011 e agora vende o microconsultorio para tentar tapar a boca dos veciños e veciñas de O Hío, calará os que queiran deixarse enganar pero coa saúde non se xoga e o BNG seguirá defendendo unha sanidade pública de calidade e un servizo de atención primaria próximo á cidadanía.

Cangas, 02/10/2014

Ningún comentario:

Publicar un comentario