BEIRARRÚAS DA PARROQUIA DE COIRO
O BNG de Cangas ven demandando desde fai anos unha actuación urxente nas estradas da Deputación Provincial entre as que se atopa o vial da parroquia de Coiro. En xullo do ano 2012 presentou unha moción para o seu debate plenario demandando unha actuación urxente de mellora, ensanche e dotación de beirarrúas na estrada de titularidade da Deputación Avda. Lugo- Boubeta- Madalena na parroquia de Coiro.
Esta moción foi rexeitada polo PP argumentando que “estaban niso” e que a Deputación xa tiña o proxecto para esta actuación e que sería “en breve”. Insistíamos tamén na moción presentada que a mellora das estradas provinciais deberían incluirse no Plan de Mobilidade viaria de O Morrazo mediante un convenio de colaboración Xunta-Deputación pero o PP non quiso saber nada desta proposta.
Pasou máis dun ano e a prometida actuación non se materializou e o BNG continuou denunciando a perigosidade deste vial preto do Ceip de Castrillón xunto coa deputada provincial do BNG porque os veciños e veciñas e alumnos e alumnas ven perigar diariamente a súa integridade física con tramos nos que restan apenas 5 cm. para camiñar fora da estrada.
Esta é unha infraestrutura viaria inacabada que actúa como barreira para a integración social de Coiro con Cangas, pois impide camiñar libremente e coa protección vial mínima para os peóns. Instaláronse pancartas reivindicativas co lema BEIRARÚAS XA!
O PP “vendeu” en varias ocasións este proxecto e anunciou nunha sesión plenaria que todo estaba arranxado cos veciños e veciñas pero fai só uns días que se reuniu cos propietarios das parcelas afectadas e amosoulles o proxecto que só chega ata a Boubeta e non terá continuidade ata o final da estrada provincial na Madalena, darán voltas ata as vindeiras eleccións municipais para caciquear e mercar vontades e votos como está acostumado con este e outros temas de suma importancia para o noso concello.
Desde o BNG esiximos o comezo inmediato das obras de mellora, ensanche e dotación de beirarrúas así como a iluminación (para que non aconteza o que pasou no Espíritu Santo que a Deputación non instalou as luminarias) de toda estrada desde a Avda. de Lugo- Boubeta ata a Madalena e que o PP non siga a enganar e caciquear con esta infraestructura necesaria e imprescindible para os veciños e veciñas da parroquia de Coiro. Non máis promesas, comezo das obras XA!
.

Ningún comentario:
Publicar un comentario