martes, 7 de agosto de 2012

Moción urxente relativa á adopción de medidas na defensa da frota pesqueira galega expulsada do caladoiro mauritano


Dende o 31 de xullo a flota cefalopodeira galega que viña faenando no caladoiro mauritano en virtude do acordo pesqueiro subscrito coa Unión Europea, deberá abandonar esas augas sen ningunha alternativa de re-colocación.
Este acordo pesqueiro, renovado por última vez no ano 2006, permitiu daquela o acceso aos caladoiro mauritano de 39 cefalopodeiros galegos e catro italianos, se ben a introdución de novos e fraudulentos protocolos (inseridos no mesmo acordo) con criterios abertamente discriminatorios para Galiza, reduciron finalmente o número de buques con licenza de pesca aos actuais 24 galegos (15 menos dos iniciais), 4 italianos (os mesmos) e, con sorprendente novidade, a incorporación, en substitución dos buques galegos, de tres gregos e un portugués.
A UE introduciu, dende a sinatura do acordo, e de forma unilateral, unha serie de medidas restritivas para paulatinamente ir substituíndo a flota galega por flotas doutros países, como a holandesa, ou doutras comunidades, como a andaluza ou a canaria.
A responsabilidade da expulsión da flota galega (que non doutras flotas) deste caladoiro recae directamente na Unión Europea, máis tamén nos gobernos español e galego pola súa pasividade, inactividade, parálise e anquilosamento políticos. Non fixeron nada. Non existen razóns obxectivas que fundamenten esta decisión que condena ao desemprego a uns 400 mariñeiros e con fortísimas repercusións inducidas nos portos galegos de referencia.
As consecuencias económicas para as comarcas de Vigo e O Morrazo, e máis en concreto para Cangas, serán catastróficas, tanto no que ten a ver coa actividade derivada da pesca e cadea de comercialización dos cefalópodos, como na actividade económica local, e véñense a sumar aos efectos do peche de moitos negocios ligados á actividade comercial no noso municipio. A nosa actividade económica depende nun elevadísimo grao da pesca, e o amarre desta flota só se traduce en máis paro e máis crise no noso concello.
Por iso, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes

ACORDOS
1.- Instar ao goberno da Xunta de Galiza a realizar as xestións precisas para que o Parlamento Europeo, na súa capacidade de co-decisión, rexeite o acordo pesqueiro con Mauritania, obrigando así a que a Comisión Europea reinicie un novo proceso negociador que parta da necesidade de incluír no novo acordo á flota cefalopodeira galega. Con este obxectivo manteranse reunións específicas coas deputadas e deputados galegos no Parlamento Europeo.
2.- Instar ao goberno da Xunta de Galiza a demandar do Goberno español e da Comisión Europea o inicio dun novo proceso negociador con Mauritania que non discrimine á flota cefalopodeira galega.
3.- Instar ao goberno da Xunta de Galiza a iniciar conversas co Goberno de Mauritania con este mesmo obxectivo.
4.- Instar ao goberno da Xunta de Galiza a demandar do Goberno español a articulación de medidas compensatorias (axudas) destinadas a tripulantes e casas armadoras afectados pola expulsión da flota pesqueira galega de Mauritania, causando efecto desde o 31 de xullo de 2012.
5.- Remitir este acordo a todas as deputadas e deputados galegos no Congreso dos Deputados.
6.- Remitir este acordo a todas as deputadas e deputados galegos no Parlamento Europeo.


Cangas, 6 de agosto de 2012

Asdo.
M. Mercedes Giráldez Santos
Grupo Municipal do BNG

Ningún comentario:

Publicar un comentario